Os humanistas non queremos amos; non queremos dirixentes nin xefes, nin nos sentimos representantes nin xefes de ninguén.
Os humanistas somos internacionalistas, aspiramos a unha nación humana universal. Comprendemos globalmente ao mundo en que vivimos e actuamos no noso medio inmediato. Non desexamos un mundo uniforme senón múltiple.
Documento Humanista.

miércoles, 11 de noviembre de 2009

Carta do Consello Federal do Partido Humanista ao Presidente do Goberno.

Sr. Presidente do Goberno
Pazo da Moncloa
Madrid

Sr. Presidente:

O 19 de abril de 2004, vostede compareceu no Pazo da Moncloa, rodeado da cúpula militar, para anunciar a retirada das tropas españolas de Iraq. Aquela foi unha decisión correcta que contrastaba coa crueldade, torpeza e submisión ao goberno norteamericano do seu predecesor.

Non obstante, esa decisión non foi acompañada por outras similares. Recentemente tivo lugar o oitavo aniversario da invasión de Afganistán e a presenza española nese país non só permanece senón que creceu respecto á que había cando vostede chegou ao Goberno.
A operación "Liberdade Duradeira", comezada o 7 outubro de 2001, foi unha guerra de agresión encabezada por Estados Unidos e Reino Unido, tan ilexítima e enchida de mentiras como a invasión de Iraq. A ausencia de reacción, no seu momento, da comunidade internacional e da opinión pública só pode explicarse polo shock que produciu a caída, uns días antes, das torres xemelgas.

Sabemos que esta non foi unha guerra de lexítima defensa, senón de cruel vinganza, única denominación admisible para unha operación que comeza 26 días despois do 11-S, sen que, aínda hoxe, quedase acreditada a cooperación activa do goberno afgán naquel atentado e que rematou coa vida de decenas de miles de civís afgáns. O rexeitamento do goberno norteamericano á oferta realizada por Afganistán, unha vez comezados os bombardeos, para someter a xuízo a Osama Bin Laden nalgún terceiro país corrobora a tese da vinganza fronte á da lexítima defensa. Só ese ánimo de vinganza e, dende logo, a presión da industria militar estadounidense, principal beneficiaria de cada conflito bélico que ten lugar no mundo, xustifican tamaña barbarie.
Non é admisible que, por moi ditatoriais, fanáticos, machistas e violadores de dereitos humanos que sexan os gobernantes dun estado, unha potencia estranxeira quede autorizada a bombardealo, destruír as súas infraestruturas, colexios, casas e hospitais e ferir e matar decenas de miles dos seus habitantes. Non obstante, se alguén chegou a pensar que a futura liberdade e benestar da maioría dos afgáns xustificaba este sacrificio, tamén errou. Tras estes oito anos, a democracia, o desenvolvemento económico, os dereitos das mulleres en particular, e os dereitos humanos en xeral, son aínda descoñecidos nesa terra.

Vostede sabe que Estados Unidos aínda non conseguiu controlar todo o territorio afgán, polo que a vinganza estadounidense continúa no sur do país. Meses despois da invasión, o Consello de Seguridade de Nacións Unidas aprobou a creación dunha suposta forza internacional de asistencia ás autoridades afgás (ISAF). A carencia de lexitimidade democrática das autoridades afgás, meros monicreques das forzas de ocupación, e o feito de que ISAF estea constituída principalmente pola OTAN converten a esa forza nun mero apéndice da operación "Liberdade Duradeira", de modo tal que os territorios que Estados Unidos e Reino Unido van conquistando o inimigo son entregados aos integrantes da ISAF (España, entre eles) para que manteñan a orde e a seguridade". Desafortunadamente, a chegada de Obama á Casa Branca non supuxo un cambio substancial neste esquema. Nestas circunstancias, as tropas españolas só poden ser cualificadas de combatentes invasores nun territorio ocupado e iso explica por que son obxectivo prioritario da outras partes combatentes.
En definitiva, Sr. Rodríguez Zapatero, que as mesmas razóns e sentimentos que serviron para opoñerse á invasión de Iraq son aplicables a Afganistán.

Dende hai varias semanas unha gran marcha está a percorrer o mundo. É a Marcha pola Paz e a No Violencia. Entre outras reivindicacións, inclúe a desnuclearización total e a retirada das tropas de ocupación. En varias ocasións, vostede foi requirido para adherir formalmente esta iniciativa, sen que conste a súa resposta. O 14 de novembro, a Marcha Mundial pola Paz e a No Violencia pasa por Madrid. Reiteramos, ante a proximidade deste feito, o convite a adherir e ademais exhortámolo a que, en coherencia con esta adhesión, retome o espírito que o conduciu a adoptar aquela decisión tan valente, sabia e moral en abril de 2004 e ordene a inmediata retirada das tropas españolas de Afganistán.

Atentamente,


Consello Federal do Partido Humanista. Madrid.

No hay comentarios: