
Os que sempre consideramos o neoliberalismo fonte de violencia e prexuízo para a humanidade, nestas últimas datas estamos de boas. Parece que o sistema cae dunha vez, ou tal vez non.
Porque o sistema está forte. Utilizando as novas tecnoloxías na súa forma máis retrógrada, apuntalando ao sistema e aos formadores de opinión, para controlar as inquedanzas e as iniciativas novas, fomentando as dúbidas e os medos. E expón unha reestruturación ou refundación, como queiran chamarlle, para acadar os mesmos fins: acumulación de poder e riquezas. Reestruturación que pode conseguir unha nova redución de dereitos para todos. E máis tendo en conta que os grandes medios de comunicación, ao servizo dos poderes económicos, encárganse de ocultar, negar e difamar; porque para eles todo esta ben se nada muda, se nada medra (agás os seus beneficios).
Aínda que temos moitas diferenzas con marxistas, ecoloxistas, anarquistas, pacifistas, humanistas, anti-sistema, anti-globalización e moita máis xente, si temos algo en común: non queremos este sistema, non queremos o sometemento ás “leis de mercado”, non queremos ver morrer xente de fame mentres outros botan ao lixo toneladas de comida,...
Ningún de nós só pode amosar unha alternativa forte. Pero é necesario esa alternativa, un mínimo entendemento. Ata agora, a esperanza de cambio queda un pouco rebaixada cando as alternativas que existen, polo menos na Europa e Norteamérica, non son máis que unha volta ao pasado.
A alternativa ao sistema debe ser diversa, fronte á uniformidade que nos impón.
Debe ser sincera fronte ao engano e a manipulación que nos amosan.
Debe ser alegre e tolerante, estar nas rúas, alí onde xorden os problemas e dificultades, enfrontándose a eles coa firmeza do que sabe o que hai que facer (e cre no que fai) e non coa violencia do fundamentalista que impón a súa mirada.
Debe ser aberta ás iniciativas, ás novas ideas e non pechada ás vellas teorías.
Esa alternativa ao sistema antihumanista que cae, debe estar coa xente, pensar en ocupar o seu corazón e non os centros de poder. Porque a xente ten que darlle sentido aos centros de poder e non á inversa, como quere o sistema.
A nova alternativa debe poñer as condicións para alimentar a esperanza durmida no corazón da xente.
A nova alternativa non pode ter unha expresión só política, esta revolución debe expresarse tamén dende a cultura, a educación, as relacións sociais, a arquitectura, a relixiosidade...
Esta época é un momento histórico de saír dunha vez da prehistoria humana, non a desaproveitemos. Demos a oportunidade que os pobos necesitan: Igualdade de oportunidades, liberdade de elección e movemento e solidariedade cos pobos e os individuos.
Os que queremos unha nova sociedade temos agora unha oportunidade que non podemos desaproveitar; senón se reestrutura o sistema e prolongará por máis tempo a súa agonía e o noso sufrimento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario